A Basilio Alvarez
¡Sementador! O trigo dos beirales
mostra as espigas mestas e douradas,
e as segadoras fouces. afiadas,
teñen tráxico brillo de puñales.
O teu verbo, estalante nos pinales,
troca, ó chegar ás chouzas das valgadas,
os salaios das gorxas abafadas
en ruxidos guerreiros e triunfales
A aldea érguese co claror da aurora
agardando o sinal, e non sosega
en anxo de loita vingadora.
¡Xa a luz do sol do mediodía cega,
sementador! ¡Sementador xa é hora
de da-lo berro e comenza-la sega!
Ramón Cabanillas Enríquez
Acción Gallega
(Hino)
¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta pra loitar.
Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra o sangue a regos
dende a montana ó mar.
¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!
Xa o fato de caciques,
Iadróns e herexes, fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.
Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montana ó val.
Ramón Cabanillas Enríquez
No hay comentarios:
Publicar un comentario