Marica Campo

Confeso que estou tola...

Confeso que estou tola: 
Teño alucinacións multicolores
nos plenilunios e ando a cortar lilas de auga
para poñer, vizosas, en púcaros de lume.
Porque vén ser que alobo cando a lúa é máis grande
e branquiamarelea na pupila do mundo.
Daquela escoito músicas de tambores e frautas
e bailo cos pés nús no caborco da noite.
Penduro das orellas espantos coma brincos 
de morcegos pregados e falo coas coruxas
na lingua máis arcana.
(Ignoro se me ollades, se estou engaiolada
e vós, por divertirvos, ceibades cacahuetes
entre as reixas que afastan o meu soño e o voso) 
Confeso que estou tola: teño unha barca branca
que navega por rúas e por ríos de vidro
e eu vou de pé na proa, cos remos cara ao ceo,
derrubando as estrelas.
(Non sei se as recolledes, se apañades os froitos
da vendima dos astros para facerdes viño
e cuspirmo nos ollos)
Confeso que estou tola: Eu vivo no tellado
da casa e cando chove bebo a chuvia que cae
e dela me alimento. Béboa coma quen bebe
tempo desconxelado, champaña á fin da festa
ou un amor que pasa. Despois, cando clarea,
perdo o medo e camiño sempre á beira do aleiro
desafiando a altura.
(Descoñezo se andades a chamar os bombeiros,
porque a vertixe é vosa e a bebedez é miña)
Confeso que estou tola: Quero facer fileiras coas formigas,
confeso que estou tola, e que leven pancartas co teu nome,
confeso que estou tola.
Quero subir ás barbas do xigante, confeso que estou tola,
e dicirlle na orella algún segredo, confeso que estou tola.
Quero coller o touro polo alento, confeso que estou tola.
e levalo a unha feira nas galaxias, confeso que estou tola.
Non quero ir convosco á perruqueira, confeso que estou tola,
gusto de ser a muller despenteada, confeso que estou tola.
Confeso que estou tola, confeso que estou tola,
Confeso que estou tola. Amén.

Marica Campo



O mundo era una Praia

O mundo era una Praia e ti volvías
de percorrer a nado o firmamento:
ecos doutras galaxias coma un vento
constelado de voces, profecías.

Palabras como raios me traías,
velocidade en luz de tempo lento,
talismáns como estelas de contento,
siderais aves blancas, cotovías,

cabelos de cometa alporizados,
sons de luceiros, sons extraviados,
cósmico po, astral orballo aceso,

xasmíns de sol, planetas isolados,
extraños alieníxenas varados
do fondo do teu ser lai, ¡tanto peso!

María Pilar Campo Domínguez conocida como Marica Campo



ODA Á FILLOA

Ves das mans das avoas das nosas avoas,
moi ilustre señora, filloa, vella amiga,
fino corpo lixeiro, leite e fariña triga,
para ti a nosa festa, para ti as nosas loas.

Se con mel ou con zucre, toda amor, te nos doas,
é xusto que adozada a nosa língua diga
por mellor festexarte tamén unha cantiga
en Muimenta onde hoxe raíña te coroas.

Aquí está a túa casa, que o pobo ten memoria
e sábeche as fazañas, os días de contento
que regalache ós pobres todo ó longo da historia.

O antigo e o novo, xuntos nun mesmo alento;
traerán a esta vila un futuro de gloria,
¡que árbore con raíces non a derriba o vento!

Marica Campo








No hay comentarios: